jueves, 19 de enero de 2017

TERRITORIO DAS ARTES

A Biblioteca Escolar é o “Territorio das Artes”, pois nela atopamos libros que tratan de Arte: de Arquitectura, de Escultura, de Pintura, de Música, de Debuxo, de Cinematografía, de Fotografía, de Cómic, de Literatura, etc.., pero tamén porque os libros en si mesmos son un arte, tanto polos seus textos literarios como polas súas ilustracións, e, incluso, nalgúns casos, pola propia edición do libro.
No corredor do Centro temos unha exposición de libros titulada “Biblioteca Escolar, territorio das artes”, que vos animamos a visitar. Nela atoparedes libros que poderedes levar prestados para casa que vos axudarán a coñecer algo máis sobre as diferentes artes. Que os desfrutedes!




martes, 17 de enero de 2017

Marilar Aleixandre ingresa na RAG

A bióloga e escritora ingresou o 14 de xaneiro de 2017 na Real Academia Galega, ocupando a cadeira que deixara baleira Xosé Neira Vilas.
Moitas son as obras de Marilar Aleixandre dirixidas ao público infantil e xuvenil, desde A formiga coxa Catro cascarolos ou d´A expedición do Pacífico á Cabeza de Medusa, en prosa. En poesía, A ovella descarreirada. 
Ten recibido premios como o Merlín ou o Premio da Crítica por A expedición do Pacífico, o Rañolas por O Trasno de Alqueidón, o Lazarillo por A banda sen futuro ou o Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil por A cabeza da medusa.

Destacamos tamén o seu papel a prol do galego nas ciencias, tanto na literatura como desde a súa Cátedra de Didáctica das Ciencias na USC. Fina Casalderrey,na súa resposta di que “Marilar chega á Academia con cestos ateigados de ideas, de palabras descareiradas coas que nomear os animais e as plantas todas, dende as que se refiren aos seres máis aparentemente insignificantes" ata "os que asoman por primeira vez".